Sunday 28 de April de 2024

Abegondo forma a 15 agricultores de toda Galicia sobre cultivo ecolóxico de maceiras


A Casa do concello acolleu, nos últimos días, a celebración da xornada técnica ‘Maceiras en agricultura ecolóxica: confusión sexual’.

Abegondo acolleu, durante os dous últimos días, a celebración da xornada técnica ‘Maceiras en agricultura ecolóxica: confusión sexual’. A iniciativa, organizada pola Consellería do Medio Rural en colaboración co Concello, congregou a 15 agricultores de plantacións de maceiras dos seguintes puntos da xeografía galega: Ferrol, Cerceda, A Coruña, Oleiros, Lugo, Guitiriz, Ortigueira, As Pobres, Abadin, O Saviñao e Outes.

O alcalde, José Antonio Santiso, clausurou hoxe a formación incidindo na importancia de continuar “profesionalizando aos traballadores do sector primario para que continúen ofrecendo produtos de proximidade e de gran calidade”. O rexedor lembrou que no territorio da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo o cultivo desta froita utilízase, non só para a elaboración de sidra, senón tamén para o Programa Alimentario do organismo, onde “estas maceiras serven como produto fresco nos eco-comedores escolares adheridos ao programa”.

Ao longo da formación, abordáronse as seguintes temáticas: primeiros pasos na creación dunha plantación de mazá de sidra ecolóxica, a importancia do chan neste tipo de cultivos e a situación do sector da sidra, entre outras cuestións.

Durante a xornada, o alumnado participante tivo a ocasión de escoitar os ensinos de representantes de organismos como o CRAEGA, AFRUGAL, CABRINFOLLA S. COOP. GALEGA, AEAT e de empresas como Hijos de Rivera Investimentos Corporativos S.L., entre outras. Así mesmo, o plan contou coa intervención de Francisco Otero, xefe da área da Consellería do Medio Rural.